A Comisión Europea presenta a nova estratexia que integra a igualdade de xénero en todos os ámbitos da vida

A igualdade de xénero afecta a todas as persoas e beneficia o conxunto da sociedade. Aínda que se lograron avances, ao ritmo actual de cambio, a UE tardaría 50 anos en alcanzar a plena igualdade de xénero. Ademais, persisten diferenzas entre os países da UE.

Con motivo do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, a Comisión Europea presentou a súa Estratexia para a Igualdade de Xénero 2026-2030. A estratexia integra a igualdade de xénero en todos os ámbitos da vida, tanto en liña como fóra dela.

A nova estratexia converte os obxectivos da Folla de ruta para os dereitos das mulleres da Comisión, apoiada en 2025 por todos os países da UE, en accións concretas para empoderar as mulleres e as nenas, implicar os homes e os nenos, opoñerse firmemente a calquera retroceso nos dereitos fundamentais e acelerar os avances cara a unha Europa verdadeiramente igualitaria en materia de xénero.

As principais áreas de actuación son:

  • Continuar a loita contra a violencia de xénero, con especial atención á loita contra a ciberviolencia, que afecta de maneira desproporcionada ás mulleres e ás nenas, mediante medidas para combater os deepfakes e deepnudes de carácter sexual e mellorar a protección das mulleres en internet.
  • Implicar os homes e os nenos na loita pola igualdade de xénero, recoñecendo o seu importante papel no cambio social e centrándose en como combater a manipulación da información e a desinformación para evitar unha crecente polarización entre mulleres e homes, especialmente entre a mocidade.
  • Promover os máis altos estándares de saúde e sistemas sanitarios deseñados para todas as persoas, mediante unha iniciativa conxunta coa Organización Mundial da Saúde para mellorar a calidade e a accesibilidade da atención sanitaria das mulleres.
  • Impulsar a prosperidade promovendo a igualdade de xénero nos diferentes sectores económicos, con medidas para atraer máis mulleres á investigación, á innovación, ás empresas emerxentes e ás carreiras de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM), así como para animar os homes a estudar e traballar nos ámbitos da saúde, a educación, a administración e a alfabetización.
  • Abordar as fendas salariais e de pensións entre mulleres e homes, entre outras medidas, apoiando os países da UE para que apliquen plenamente a Directiva sobre transparencia retributiva e colaborando co Banco Europeo de Investimentos para mellorar o acceso ao financiamento das mulleres emprendedoras e aumentar a representación feminina no sector financeiro.
  • Adoptar novas medidas para apoiar a participación igualitaria e segura das mulleres na política, incluída a loita contra a manipulación e a inxerencia informativa en internet, que a miúdo alimentan a polarización entre mulleres e homes.
  • Continuar promovendo a igualdade de xénero no ámbito internacional, cun novo plan de acción para a igualdade de xénero para 2028-2034 e un novo plan de acción para as mulleres, a paz e a seguridade. A UE tamén porá en marcha unha nova iniciativa emblemática, «SHIELD», centrada en mellorar o acceso á saúde sexual e reprodutiva e apoiar as superviventes da violencia de xénero.

A Comisión Europea mantén o seu compromiso coa creación dunha sociedade xusta e igualitaria, garantindo que a igualdade de xénero se faga realidade en todos os niveis.

Fontes:

https://commission.europa.eu/news-and-media/news/new-strategy-embeds-gender-equality-every-aspect-life-2026-03-05_es