- A conselleira explicou que un dos obxectivos deste documento é establecer medidas fronte á desigualdade salarial a través de catro eixes de acción.
- Explicou que a Xunta contou coa colaboración de máis de 60 mulleres profesionais de sectores masculinizados e co diálogo social para a elaboración deste marco.
- Lembrou que Galicia acadou importantes avances nos últimos anos, entre os que destacan a redución do paro feminino e da fenda salarial.
- Ademais, celebrou o levantamento da suspensión do plan de choque galego da dependencia por parte do Tribunal Constitucional, que «deixa en evidencia o afán recadatorio» do Executivo central.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou esta mañá no Parlamento de Galicia que a primeira estratexia de emprego feminino en sectores masculinizados de Galicia que impulsa a Xunta está a ultimarse e aprobarase nos próximos meses. Así o anunciou durante a resposta a unha interpelación no Pleno, na que explicou que se crearán medidas específicas para impulsar a igualdade salarial.
A conselleira explicou que a Xunta contou coa colaboración de máis de 60 mulleres profesionais de diferentes sectores masculinizados, entre os que se atopan o agropecuario, a seguridade e defensa, as obras públicas ou as profesións científicas e tecnolóxicas. Deste xeito, explicou que se trata dunha Estratexia que conta coa colaboración do diálogo social, aberta á participación e á escoita activa.
En concreto, tal e como detallou a conselleira, a estratexia impulsada polo Goberno galego ten como un dos seus obxectivos fundamentais garantir a igualdade salarial a través de catro eixes: a transparencia competitiva, a neutralidade ante o ciclo vital, a racionalización do traballo e a competencia meritocrática nos sectores técnicos.
Neste sentido, Fabiola García recoñeceu que «as desigualdades socioeconómicas seguen a persistir en todo o mundo» e recalcou que gran parte dos esforzos da Xunta nesta materia buscan mellorar a situación das mulleres no ámbito laboral e social a través de políticas públicas transversais.
Así pois, lembrou que nos últimos anos se constataron numerosos avances que mostran en Galicia unha tendencia positiva cara á igualdade: co maior número de mulleres empregadas da historia ou a redución do paro feminino, ao tempo que as mulleres directivas creceron no último ano na comunidade.
Con todo, Fabiola García avogou por seguir traballando co tecido social, co resto das administracións e institucións para seguir avanzando en igualdade e romper coas desigualdades estruturais que aínda están presentes en todas as sociedades.
Levantamento da suspensión da paralización do Plan de choque
Por outra parte, a conselleira de Política Social e Igualdade aproveitou para celebrar a decisión do Tribunal Constitucional de levantar a paralización do Plan de axilización e simplificación da dependencia e da discapacidade impulsado pola Xunta. Unha medida que, lembrou, permitiu recoñecer de maneira automática a discapacidade a máis de 12.600 galegos.
Neste sentido, lamentou que, mentres a Xunta impulsa medidas para avanzar na atención á dependencia e á discapacidade, «o Goberno central recorra ante o tribunal unicamente por un afán recadatorio»; xa que deixou de recadar 114 millóns de euros en Galicia no ano 2025 polas homologacións. Así, a conselleira reiterou que «isto só demostra que ao Executivo central non lle importan as persoas dependentes», senón unicamente o seu beneficio económico.
Pregunta oral sobre desinformación de xénero e discursos de odio
A conselleira tamén respondeu a unha pregunta oral na que trasladou a preocupación da Xunta ante os discursos que fomentan o odio e a desinformación de xénero, un fenómeno que definiu como complexo e que precisa, dixo, dunha resposta coordinada e transversal entre as administracións públicas e o conxunto da sociedade.
Deste xeito, explicou que para paliar este fenómeno a Xunta impulsa diferentes actuacións no ámbito da educación e da sensibilización social. Así, indicou que desde os centros Quérote se realizan importantes accións formativas que ascenderon no ano 2025 ás 500 actividades en 187 centros educativos.
Así mesmo, explicou que no ámbito das redes sociais a Xunta está a elaborar a Lei de Acoso e Violencia Dixital, unha normativa pioneira en España, que recollerá e establecerá o marco normativo específico para este tipo de delitos en internet.
Fontes: